Primeiros pasos co Okawix:
Cando execute o Okawix por vez primeira verá: a barra de ferramentas no canto superior da ventá do Okawix; a barra de buscas baixo a de ferramentas; o cadro de xestión dos contidos á esquerda, baixo a barra de buscas e, á dereita, o cadro principal. Máis adiante, isto permítelle seleccionar as linguas dos contidos que queira descargar, e así poder lelos sen conexión. Pode elixir tantas linguas como desexe.
Por exemplo, seleccione Galego e logo prema sobre Select languages.
Aparecerá unha lista con todos os arquivos dispoñibles nesta lingua. Ademais, dáselle a posibilidade de pedir a creación dun arquivo da súa propia páxina web: insira o seu enderezo de correo electrónico e o URL da súa páxina web e seleccione Request.
Prema sobre o botón Download do arquivo que queira ver sen conexión. O Okawix ofrécelle gardar este arquivo nun disco local, no directorio que escolla.
Pode elixir entre descargar o arquivo con ou sen as imaxes (para reducir o tempo e a cantidade de espazo que o arquivo necesita para a descarga).
Faga clic en Instalar. O arquivo seleccionado gardarase entón e a páxina principal aparece no cadro principal (sen as imaxes se seleccionou non descargalas). O nome do arquivo engádese á lista de arquivos almacenados localmente, no cadro esquerdo.
Os artigos deste arquivo pódense ler agora sen conexión.
Os botóns Volver e Avanzar: estes botóns permiten ir ao recurso anterior e volver de novo, como en calquera navegador.
O botón Inicio: aparece no cadro principal da páxina principal do arquivo que está consultando, e á esquerda do cadro de xestión dos contidos.
O botón Mostrar os resultados da procura: mostra, no cadro despregable da esquerda, os resultados da súa última busca.
O botón Mostrar o historial: mostra, no cadro despregable da esquerda, procuras vellas que fixo co Okawix e que están gardadas no arquivo. Ao premer sobre un elemento do seu historial de buscas mostraranse neste mesmo cadro os resultados da procura que seleccionou.
O botón Imprimir esta páxina: inicia o programa de impresión do seu sistema operativo.
O botón Máis contido: mostra ao lado esquerdo o cadro de xestión dos contidos e no cadro principal, á dereita, o formulario de selección de linguas (se as linguas xa foron escollidas durante a sesión actual do Okawix, aparece, no canto desa, a páxina de selección dos arquivos dispoñibles para a lingua seleccionada).
O botón Axuda: mostra esta guía de usuario (dentro da ventá da guía de usuario tamén se atopa o botón Acerca de; ao premer sobre el abrirase a caixa Acerca de, cos créditos do Okawix).
Como procurar nuns contidos (campo Procurar e botón Comezar a procura): o Okawix ofrece a posibilidade de procurar nuns contidos os artigos relevantes que garden relación cun texto da súa escolla. Esta funcionalidade é posible grazas ao motor de buscas semánticas Wikiwix (desenvolvido, ao igual que o Okawix, pola organización Linterweb).
A procura é simple: escriba a pescuda no campo de buscas. Mentres teclea, un mecanismo de completado automático proporcionaralle suxestións semellantes ao que estea a escribir (esta funcionalidade só está activada se inseriu no campo, polo menos, catro letras; teña en conta que o simple feito de que unha palabra non apareza na lista de suxestións non implica que non se atope nos contidos do texto dese artigo).
Unha vez que escribiu a pescuda, siga algún destes pasos para completar a procura:
- prema sobre un dos termos suxeridos.
- seleccione un dos termos suxeridos coas teclas arriba e abaixo, e prema a tecla Intro.
- insira unha palabra no campo Procurar e faga clic en Intro.
- insira unha palabra no campo Procurar e faga clic no botón Comezar a procura.
No cadro da esquerda móstranse os primeiros vinte e cinco resultados, ordenados por relevancia. Os nomes dos artigos atopados polo motor de buscas están escritos en barras rectangulares coloreadas con lonxitudes proporcionais á relevancia dos artigos da súa pescuda.
Nota 1: o feito de que un artigo apareza entre os resultados relevantes dunha pescuda non implica que este artigo conteña todas as palabras da procura; a relevancia dun artigo é avaliada polo motor de buscas do Wikiwix coa axuda de complexos algoritmos cuxos detalles van máis aló desta documentación.
Nota 2: o Wikiwix está deseñado para recoñecer as cuestións en lingua coloquial. Isto é, no canto de escribir no campo de buscas palabras clave, pode formular a súa pregunta ao Wikiwix como se lla fixese a unha persoa. Por exemplo, supoña que quere saber a altura da torre Eiffel. Co Wikiwix, pode facer a pregunta deste xeito: "Que altura ten a torre Eiffel?". O Wikiwix entón intentará "entender" o significado da pescuda e devolver os resultados máis relevantes. Cómpre aclarar que polo de agora o Wikiwix non atinxe o grao de intelixencia dun humano; haberá melloras en canto vaian saíndo novas versións do Okawix e mais do Wikiwix.
O botón Atopar unha palabra nesta páxina: permítelle ao usuario atopar a existencia dunha cadea de caracteres na páxina que se está a ollar no cadro principal. Ao premer sobre o botón, emerxe unha pequena caixa de diálogo Atopar. Escriba no campo de texto a cadea de caracteres que desexe atopar.
Seleccione a caixa de verificación Match case se quere que a procura distinga entre maiúsculas e minúsculas e déixea estar se non é o que quere (se selecciona esta opción e fai unha busca da palabra "estados", as existencias da palabra "Estados" non se mostrarán, dado que non coincide a primeira letra).
Seleccione a caixa de verificación Wrap se quere que a procura continúe ata o principio da páxina unha vez que se acade o final.
Tamén pode elixir a dirección de busca: de arriba a abaixo se escolle Down, de abaixo a arriba se usa Up.
Logo prema sobre Find Next para comezar a procura. Se houbese algún resultado, marcarase en azul a cadea de caracteres. Prema de novo para ir ata a segunda existencia, unha vez máis para a terceira... Se non existise o texto buscado ou cando non haxa máis existencias, aparecerá a mensaxe "The text you entered was not found" (a menos que estea seleccionada a caixa Wrap).
O botón Cancel pecha a pequena caixa de diálogo Atopar.
A páxina de selección da lingua: esta páxina permite elixir as linguas dos contidos que queira descargar, de xeito que poida lelos desconectado. Se aínda non se seleccionaron as linguas durante a sesión actual do Okawix, acceda a esta páxina premendo no botón Máis contido da barra de ferramentas. Se as linguas xa están seleccionadas, móstrase A páxina de selección do arquivo no cando d'A páxina de selección da lingua; pode cambiar as linguas seleccionadas premendo en "edit" (despois das palabras "Chosen languages").
Pode seleccionar varias linguas. As linguas están clasificadas polo número de artigos que a Wikipedia correspondente a ela posúe.
A continuación, prema sobre "Select languages" e aparecerá A páxina de selección do arquivo.
A páxina de selección do arquivo: esta páxina permítelle seleccionar os arquivos que quere descargar, para podelos ver sen conexión, e ofrece a posibilidade de crear arquivos do seu propio sitio web. Pode chegar a esta páxina premendo sobre o botón Máis contido da barra de ferramentas. Se aínda non se seleccionaron as linguas na sesión actual de Okawix, móstrase a páxina de selección da lingua no canto da páxina de selección do arquivo.
A páxina de selección do arquivo mostra os arquivos que están dispoñibles para as linguas que seleccionou previamente, e o tamaño destes arquivos.
Para descargar un arquivo, simplemente prema sobre o botón Download correspondente. A páxina de instalación deste arquivo móstrase entón e o nome do arquivo engádese á lista Instalar dos arquivos que están á espera de instalación na sesión actual de Okawix, no cadro de xestión dos contidos (o cadro despregable da esquerda).
Finalmente, se quere crear un arquivo do seu propio sitio web, simplemente escriba o seu enderezo de correo electrónico e mais o enderezo URL e prema logo sobre Request.
A páxina de instalación dun ficheiro dado: permite descargar e instalar un ficheiro seleccionado anteriormente. Para acceder a esta páxina, faga dun dos seguintes xeitos:
- Prema, no cadro de xestión dos contidos (o cadro despregable da esquerda), sobre o nome dun ficheiro da súa elección, na lista de instalación, en caso de que esta lista non estea baleira.
- Se o ficheiro que quere instalar non aparece na lista de instalación dos ficheiros á espera de instalación na sesión actual do Okawix, no cadro de xestión dos contidos (o cadro despregable da esquerda), entón prema na páxina de selección do arquivo, no botón Download correspondente ao arquivo da súa elección.
A páxina mostra o nome do ficheiro a instalar, e o directorio onde o arquivo se gardará (se quere escoller outro directorio, escriba a súa ruta no campo de texto correspondente ou faga clic no botón Browse e seleccione o directorio apropiado).
Se está seleccionada a opción Instalar as imaxes, as imaxes contidas nos artigos descargaranse e instalaranse tamén (isto aumentará o tempo de descarga, así como a cantidade necesaria de espazo de almacenamento local necesaria para o gardado do arquivo).
O tamaño total do que está a instalar (o arquivo só, ou o arquivo coas súas imaxes) tamén se mostra baixo o botón Browse.
Ao premer sobre Cancelar eliminarase o nome do ficheiro da lista de instalación dos ficheiros á espera de instalación na sesión actual do Okawix, no cadro de xestión dos contidos (o cadro despregable da esquerda).
Se fai clic en Instalar, Okawix instala o ficheiro, cuxo nome é movido da lista de instalación dos ficheiros á espera de instalación na sesión actual do Okawix á lista local dos arquivos xa instalados, no cadro de xestión dos contidos (o cadro despregable da esquerda). Se este ficheiro xa fora instalado, verá unha mensaxe dicindo que "os contidos xa están instalados" e preguntándolle se "quere actualizalos".
O cadro de xestión dos contidos: permítelle administrar os contidos (tamén chamados arquivos), por exemplo, para instalalos ou eliminalos, para engadir imaxes...
Pode acceder ao cadro premendo, na barra de ferramentas, sobre Inicio ou en Máis contidos. O cadro é despregable e sempre aparece á esquerda da interface.
O cadro contén, de arriba abaixo:
- A lista local dos ficheiros instalados anteriormente (se houbese algún). Ao premer nun arquivo da lista móstrase a páxina principal deste arquivo.
- A a lista de instalación dos ficheiros á espera de instalación na sesión actual do Okawix (se houbese algún). Ao premer nun arquivo da lista móstrase a páxina de instalación deste arquivo no cadro principal, á dereita da interface.
- Finalmente, un botón de http. Ao premer sobre este botón móstrase, á dereita da interface, a páxina de selección da lingua (se as linguas xa se seleccionaron para a sesión actual do Okawix, móstrase directamente a páxina de selección dos arquivos dispoñibles para as linguas previamente seleccionadas).
Ao final deste cadro, haberá dous botóns:
- Engadir as imaxes: se un arquivo da lista local ou de instalación está seleccionado, ao facer clic en Engadir as imaxes mostrarase a páxina de instalación no cadro principal, á dereita da interface, e ofreceráselle proceder á instalación das imaxes dos artigos deste arquivo
- Eliminar: se un arquivo da lista local ou de instalación está seleccionado, ao facer clic en Eliminar borrarase o arquivo da lista. Se o ficheiro estaba na lista local (e, polo tanto, estaba instalado localmente), borraranse os arquivos correspondentes.
documentation translation made by